top of page
ONDAS NEGRO sin fondoo.png

Que son as radios municipais?

Pola radio díxose case de todo; e sobre ela tamén se fala moito. Pero hai unha radio moitas veces esquecida, a máis próxima, a que fala do que ocorre nas pequenas vilas e comarcas. En Galicia, as emisoras municipais, que son titularidade dos concellos, teñen unha grande importancia. Actualmente, 30 radios deste tipo, con 55 empregados, dedícanse a informar e entreter en clave local e en galego.

 

Hai moitas formas de definilas. Unha das máis acaídas atópase no libro 'As radios municipais en Galicia' (1997), de Patricia Iglesias e Arturo Merayo. Para eles, estes medios son os que abordan "os irrelevantes problemas de cada rúa, as novas que nunca cambiarán o mundo e que son, con todo, o mundo de cada un". Uns mundos que, de non existir estas radios, poucas veces terían espazos para a súa difusión. As emisoras municipais son as que están presentes nunha localidade "antes, durante e despois dun grande acontecemento", escribiu Marcos Pérez Pena.

Os profesionais destas emisoras coñecen a súa audiencia polo nome e saben das súas preocupacións. "A radio municipal forma parte da vida dos oíntes", sinala Beti Rey, de Radio Municipal de Tui, mentres que María Torre (Radio Melide) e Paris Joel (Radio Oleiros) salientan que estes medios recollen "o que interesa realmente". Henrique Sanfiz, director de Radio Fene, engade que a radio municipal é "un proxecto cheo de futuro".

Radio Tui.jpg

Estudio central da Radio Municipal de Tui, con alumnado en prácticas.

30 emisoras en sintonía

Agás excepcións máis ben puntuais, as emisoras municipais emiten na franxa do dial de FM entre o 107.0 e 107.9. Desliza para coñecer as frecuencias e data de creación das distintas radios públicas locais en activo en Galicia:

ONDAS NEGRO sin fondoo.png

Oleiros, 1980

A primeira emisora municipal galega durou pouco máis dunha hora no aire. Radio As Mariñas de Oleiros botou a andar na medianoite do 25 de xullo de 1980 a través do 100.0 da frecuencia modulada, pero foi axiña clausurada polo gobernador civil, que horas antes se dirixira ao Concello para advertir que persoal de RTVE acudiría a apagar os equipos se os poñían en marcha.

 

Con todo, cando deron as doce en punto da noite comezou a soar o himno galego pola radio. A continuación, Xosé Lois Martínez, entón alcalde de Oleiros, abriu este novo medio cun discurso inaugural, que foi seguido dun programa dirixido polo escritor Manuel Rivas. Transcorridos 44 anos, esa primeira emisión pódese recuperar premendo no reproductor de audio que acompaña este texto.

Rivas, no centro, na estrea de Radio As Mariñas. BOLETÍN 'AS MARIÑAS'

Primeira emisión Radio As Mariñas1980
00:00 / 06:30

O peche de Radio As Mariñas tivo repercusión tanto en Galicia como no resto do Estado, nomeadamente en Cataluña. Diferentes publicacións fixéronse eco do acontecido ese 25 de xullo en Oleiros, municipio que semanas despois acollería a I Xornada de Comunicación dos Axuntamentos, á que se desprazaran máis dunha decena de radios municipais catalás. Curiosamente, foi aí, en Oleiros, onde xurdiu a EMUC, a asociación Emissores Municipals de Catalunya.

Non foi ata abril de 1986 cando Oleiros recuperou a súa radio municipal, xa coa actual denominación de Radio Oleiros, aínda que moitos a coñecían como Radio Libre de Oleiros neses primeiros anos. Xosé García dirixiu a emisora ata finais de 2022 e dende entón o seu responsable é Paris Joel.

Durante a súa longa traxectoria, a emisora oleirense saltou aos medios nacionais cando José Manuel Pan acadou o Premio INSERSO en 1990 polo seu programa '14 en punto máis ou menos', superando as propostas presentadas por RNE ou Radio Popular. Os oíntes do 101.5 da FM (actual frecuencia da emisora) tamén gozaron coa retransmisión do encontro da final da Copa da Coruña disputado polo Marino de Mera no estadio de Riazor en 1995, ou cunha conexión con Radio Habana de Cuba uns anos antes.

 

Na actualidade, a emisora segue a contar o que ocorre día a día na vila. En canto á actualidade local, especial protagonismo teñen os plenos municipais, que Radio Oleiros retransmite en directo e nos que sempre pasan cousas.

image.png

Paris Joel, nas actuais instalacións de Radio Oleiros.

ONDAS NEGRO sin fondoo.png

Fene, 1984

Dende a primeira experiencia en Oleiros aínda houbo que agardar catro anos pola segunda iniciativa de radio municipal en Galicia. Foi en setembro de 1984 cando saíu ao aire Radio Fene, a máis antiga das emisoras deste tipo que se manteñen en activo.

 

A radio foi importante desde o primeiro día nesta localidade. De feito, xogou un papel chave mentres os veciños sufrían os efectos do ciclón Hortensia, cun programa en directo para informar á vez que entreter. Ata o xornal El País destacara ese acompañamento de Radio Fene durante o ciclón nunha crónica asinada polo mesmo Manuel Rivas que axudara catro anos antes na posta en marcha de Radio As Mariñas.

IMG_2456.JPG

Estudio de Radio Fene.

Radio Fene seguiu preto dos oíntes, informando de todo o que ocorría na bisbarra. O proceso de reconversión naval foi outro dos temas estrela nos comezos da emisora, debido ao peso desta industria a nivel económico na comarca de Ferrolterra.

Pasaron 40 anos dende a primeira emisión e o seu director, Henrique Sanfiz, asegura que case todos os veciños pasaron polos micrófonos da radio pública local, que ten os seus estudios na casa consistorial. Hoxe, Radio Fene combina a emisión de radio tradicional coa produción de podcast e ve como estudantado e mocidade seguen a amosar interese por participar neste medio.

ONDAS NEGRO sin fondoo.png

Emisoras en rede

Os concellos de Oleiros e Fene, xunto con Negreira, Corcubión e Ribadavia, foron os impulsores en 1988 da asociación Emisoras Municipais Galegas, coñecida como EMUGA. Comezou por imitación aos colectivos similares que xurdiran en Cataluña e Andalucía e para facer forza na demanda dunha lexislación que amparase as emisoras municipais, así como para facilitar a organización de actividades e a colaboración mutua.

A finais dos anos 90, EMUGA contaba xa con máis dunha trintena de radios asociadas. Nesa época, a entidade producía diferentes contidos radiofónicos que logo distribuía ás emisoras municipais, como unha lista de éxitos, programas infantís, reportaxes, etc. Ese tipo de sinerxías deron lugar a Radiofusión, a programación conxunta das emisoras municipais galegas. Naceu en 2006 co obxectivo de "configurar unha rede que facilitase unha grella de 24 horas que sirva de complemento á programación local de cada unha das emisoras municipais", indica Henrique Sanfiz, actual secretario de EMUGA.

Aínda que na actualidade son poucas as emisoras que conectan con Radiofusión cando non teñen programas propios, a iniciativa segue funcionando e representando as emisoras municipais galegas en congresos e xuntanzas do sector. Ademais, participa en proxectos colectivos como Onda ODS.

radio estrelas 1.jpg

Directores/as das emisoras municipais galegas en 1997. EMUGA

EMUGA puxo en marcha campañas de promoción da radio municipal. O lema en 1997 era ‘Ondas ó redor de ti’. Outra iniciativa lembrada é ‘Galicia está chea de Radio Estrelas’, que presentaba as emisoras municipais como "ondas interactivas" e salientaba que cada día inventaban "un novo modelo informativo e de programación, conxugando a necesaria profesionalidade coa apertura á sociedade". Neses últimos anos dos 90, as arredor de trinta radios públicas locais galegas sumaban 600 colaboradores. Na actualidade son uns 260.

IMG_6160-removebg-preview.png

A campaña ‘Radio Estrelas’, que tamén pretendía aumentar o número de anunciantes das emisoras municipais, desenvolveuse a través do reparto de folletos informativos, así como con promocións elaboradas individualmente para cada unha das emisoras. Un exemplo é a que se pode escoitar no reprodutor xunto este texto, de Radio Estrada.

Radio Estrelas Radio Estrada1997
00:00 / 00:48
ONDAS NEGRO sin fondoo.png

Radio aberta

Información, entretemento e participación son as bases das emisoras municipais galegas. A maioría emiten os seus programas magacín polas mañás, en diferentes franxas, e espazos informativos entre as 13:00 e as 15:00 horas. Estas radios destacan pola variedade de contidos. Por exemplo, nas mañás de Radio Cerceda hai diferentes seccións. Medicina, cociña, música tradicional, orquestras, corazón, revista de prensa e ata un espazo co párroco de Queixas, que propón adiviñanzas aos oíntes. "Participa moita xente e case nunca acertan!", di Marisol Rodríguez, presentadora do magacín.

melide.png

Entrevista no programa magacín das mañás de Radio Melide.

No aspecto informativo, as radios municipais informan do que sucede máis preto. Isto obriga, nalgunhas ocasións, a un exercicio de separación "entre a emoción e a noticia, sobre todo cando coñeces aos protagonistas, ao contar un accidente de tráfico, por exemplo", admite Vanesa Cebral, de Radio Palas FM. A participación da audiencia é outro punto forte destes medios e os oíntes teñen múltiples vías para entrar en contacto coas emisoras. Todos estes elementos se conxugan nas grellas das municipais. Armando Cascón, de Radio Arzúa, asegura que é "un menú que sae moi ben".

As radios municipais son escoitadas nos seus propios concellos, pero tamén nos arredores, dando lugar a situacións curiosas. Por exemplo, en Melide hai quen escoita Radio Arzúa e no municipio arzuán tamén sintonizan a emisora melidense. Pero a voz das radios públicas locais chega moito máis alá do sinal de FM. Vinte das 30 emisoras permiten escoitar a súa programación dende calquera parte do mundo grazas á emisión en streaming, e boa parte delas xa empregan o formato podcast. A maiores, hai experiencias innovadoras puntuais, como a emisión en vídeo durante as eleccións locais por parte da Radio Municipal de Tui.

ONDAS NEGRO sin fondoo.png

Moito que escoitar

As radios municipais son unha caixa de sorpresas. Cada un dos seus programas agocha historias únicas. Pablo García presenta o programa espertador de Radio Estrada, 'Salta da cama!', un formato único en Galicia. Conta que os oíntes botan man da radio local ata para preguntar como cambiar unha roda. En Ames Radio grávase 'Exército Mekemeke', un divertido espazo que foi nominado aos Premios Ondas. Carlos Vieito dirixe este programa, que tamén se distribúe en vídeo e que ten boa presenza nas redes sociais. En Valga, e agora en toda Galicia, as madrugadas do xoves ao vernes son para escoitar as mellores orquestras. Daniel Seijas presenta 'Palco de Estrelas', un programa que combina música e participación da audiencia. Non ten hora fixa de inicio nin de remate, como as boas festas!

MEKEMEKE.png

Estudio de Ames Radio durante o 'Exército Mekemeke'. YOUTUBE

ONDAS NEGRO sin fondoo.png

Escola de radio

As municipais galegas actúan tamén como escolas de radio. Mozos e mozas de todas as idades teñen nos estudios destas emisoras o seu primeiro contacto co medio e a oportunidade de dar os seus primeiros pasos nel con total liberdade. O persoal ábrelle as portas da radio e ofrécelle a posibilidade de elaborar os seus propios programas. Tamén o alumnado de moitos colexios e institutos de Galicia grava programas que logo se emiten nas radios públicas locais.

 "A idea inicial da radio era crear un medio de comunicación no que todas as persoas con inquedanzas tivesen un lugar onde facer radio, e chegamos a ter entre 35 e 40 persoas", explica José Font, director da Radio Municipal de Tui. Da emisora tudense saíron a presentadora Nieves Rodríguez, Ana Pérez, xornalista na TVG; Juan de Sola, director de Onda Cero en Pontevedra, ou Paco Santos, xornalista deportivo da Radio Galega.

veiga.jpg

Os primeiros pasos de Álvaro Veiga foron en Radio Arzúa. CEDIDA

Ávaro Veiga, director de Radio Líder Santiago e antes en Radio Obradoiro e Radio Insular de Fuerteventura, estreouse en Radio Arzúa. Susana Falcón achegouse á profesión en Radio Fene e agora dirixe as tardes de RadioVoz. Kiko Novoa, presentador do tramo de magacín do ‘Galicia por diante’ da Radio Galega, comezou a súa aventura radiofónica na emisora de Culleredo.

Francisco Díaz, director da emisora cullerdense, asegura que "moitos mozos e mozas de Culleredo e comarca viñan nos veráns coa intención de pinchar música ou facer programas como voluntarios". Outro exemplo é o da xornalista da CRTVG Nuria López, que gañou recentemente o premio de Xornalismo Cívico por un podcast sobre a guerra de Ucraína.

ONDAS NEGRO sin fondoo.png

Tamén na pantalla

Só quedan tres, pero no seu día a cifra de televisións municipais chegou a ser importante. Quiroga, As Pontes de García Rodríguez e Cerceda resisten e manteñen en funcionamento un servizo tan custoso e complexo como agradecido polos espectadores e veciños.

"Nun concello pequeno, como é Quiroga, a televisión serve como arquivo. Todos os mozos que hoxe teñen 30 anos ou menos viron toda a súa vida pública recollida nas nosas pantallas", explica M. Luz Fernández, directora da canle quiroguesa. O gran problema destes medios son os seus custos. Manuel Ángel Villa, responsable da Televisión de Cerceda, explica que só adquirir "unha cámara un pouco boa supoñía o orzamento da radio en cinco anos".

IMG_5682.JPG

A Televisión Municipal de Quiroga, entrevistando a pé de rúa.

As canles de Quiroga e Cerceda emiten un informativo local diario, e diferentes programas, como retransmisións de eventos. A das Pontes, pola súa banda, conta cun informativo semanal e pola semana emite citas culturais ou deportivas que gravan no municipio. Os tres concellos contan tamén con radio municipal, polo que é habitual que os empregados compaxinen ambos os dous medios.

No pasado houbo canle pública local de televisión tamén en concellos como Melide, Tui ou Ponteareas. Esta última, denominada Canal Tea, nacera a finais dos oitenta e pechou en 2012 por decisión do Concello, que alegara falta de fondos. O ente contaba entón con once traballadores e unha longa traxectoria, sendo referencia a nivel autonómico.

image.png

Unidade móbil do desaparecido Canal Tea de Ponteareas. FACEBOOK

bottom of page